Tuesday 07 de May de 2024

O Programa Jeremie financiará en 2015 investimentos de pemes e emprendedores para mobilizar 15 millóns en novos proxectos


A Consellería de Economía e Industria renova o seu apoio ao financiamento do tecido empresarial mediante uns préstamos que poden cubrir ata o 70% do custe dos proxectos, impulsando a competitividade e a creación de emprego

A Consellería de Economía e Industria renovará en 2015 o seu apoio ao financiamento dos emprendedores, as microempresas e as pemes galegas mediante o programa de préstamos Jeremie, apoiado en fondos Feder e que permite achegar capital ao tecido empresarial galego financiado con xuros moi vantaxosos. Este programa pioneiro conta con 8 millóns de euros de orzamento, ampliable segundo demanda, e dispón de capacidade para mobilizar máis de 15 millóns de euros en investimentos empresariais.

A iniciativa xa permitiu apoiar en 2014 a proxectos como unha clínica orientada á medicina deportiva na cidade de Vigo, a obtención de maquinaria para unha fundición de estaño de minería en San Cibrao das Viñas (Ourense), e a adquisición de novo equipamento para a modernización dunha empresa de fabricación de portas de aluminio en Ponte Caldelas (Pontevedra).

Os préstamos concedidos ao abeiro desta liña de financiamento de investimentos poden chegar ata 1 millón de euros, financiando ata o 70% de investimentos apoiados. Mediante estes préstamos poden financiarse tanto os activos fixos materiais asociados ao proxecto de investimento –terreos, obra civil, adquisición de inmobles, bens de equipamento ou mobiliarios– como os activos intanxibles necesarios: aplicacións informáticas, propiedade intelectual e industrial, licencias de fabricación ou gastos en I+D+i ligados a proxectos de innovación tecnolóxica. Desta maneira, aos Jeremie contribúen á competitividade do tecido empresarial galego, así como á creación e mantemento do emprego.

As operacións de financiamento de investimentos facilitadas mediante esta liña contan con prazos de amortización de ata 7 anos, con un de carencia. Os xuros, fixos, calcúlanse sumando ao euríbor a un ano vixente no momento da concesión un tipo adicional que oscilará entre +0,75 e +3%, en función do importe da operación. Pero as bonificacións de xuros previstas nas bases reguladoras fan posible que, de feito, os tipos efectivos resultantes poidan estar arredor do 1%, para os préstamos de ata 300.000 euros.